Orghullosamente flamenghos (A voo de tecla, 28/09/2014)

Sabido é que hai unha Galicia Occidental, do Cantábrico ao Miño, que gheghea con distintas intensidades. Tamén nela danse dúas formas de seseo: a total, de Caión para o sur, e a final (rapás, chafarís, crus, etc.) do Arco Ártabro a Ortegal. É o normal; e saberán os filólogos cando deixou de sesear toda Galicia.
Mais centrémonos agora no ghegheo (tan raro coma o ceceo nunha Europa de falas seseantes). Fóra de Galicia, a xente volve gheghear en terras marítimas mil millas ao nordeste: nos Países Baixos. O neerlandés é lingua única de Estado na Holanda e alí gheghéase oficialmente sen interferencias doutro idioma; non así en Flandres, onde a fala tivo que loitar contra o francés “superior” no sistema diglósico belga.
Antes do francés, os flamengos sufriran o castelán como lingua dos amos; mais resistiron e mantivéronse no seu; con tal forza que confundiron os funcionarios jejeantes (con iota forte) do rei de España. Os flamengos gheghean orghullosamente, de xeito que pronuncian Bruggen como Brughen, polo que induciron aos españois a inventaren Brujas, neste caso sen ningunha relación con bruxerías pois Bruggen é o plural de “brug”, que quere dicir “ponte”. De non ser polo ghegheo flamengo, se cadra o nome español da belísima cidade dos canais e as pontes sería –con acerto– Puentes.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/09/2014]

Share