O Gauchito Gil (A voo de tecla, 11/01/2014)

No máis áspero do ermo patagónico, entre outeiros de area nos que afloran fósiles mariños, vense bandeirolas e pequenas casetas vermellas anunciando a devoción do Gauchito Gil. Estraños petos de ánimas acubillan a imaxe dun gaucho case crucificado xunto a ofrendas dos peregrinos: botellas de viño e cigarros. O Gil —a facer milagres desde que salvou a vida do fillo do seu verdugo— era natural de Corrientes, no Nordeste, mais o seu culto chega 4.000 quilómetros ao Sur, e por toda Arxentina: este día xuntou máis de 200.000 devotos no santuario da súa terra.
Penetrando aínda máis polas “eternas paisaxes” patagónicas que descubrira Darwin, aparecen moreas de botellas de auga e casetiñas brancas. Son do culto á Defunta Correa, outra milagreira popular, que morreu de sede nos desertos de San Juan mais salvou a vida do fillo que mantiña ao peito.
O inmenso país austral ten un Sur no que os indíxenas foron varridos, mais un Norte cheo de mestizaxes que foron convertendo mitos das vellas culturas en devocións paralelas ao cristianismo. Se á Defunta Correa, ao Gauchito Gil e a San Lamuerte (do que era devoto Gil) lles sumamos Santa Evita, San Messi e San Bergoglio, quizais teñamos un perfil da Arxentina profunda, na que os mitos urbanos modernos van pasando do póster á figuriña de peto de ánimas.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/01/2014]

Share