Joyce reinterpretado (A voo de tecla, 29/12/2013)

“A Literatura está por cima das linguas” mais “O autor debe facer Literatura na lingua do pobo que lle deu substancia literaria”. Isto vén ao fío de que Galaxia publicou o Ulysses de James Joyce nunha redonda versión ao galego. Sen desprezo para as damas intervenientes nela, a quen isto escribe cómprelle falar de dous amigos de Bruxelas con pseudónimo literario: un moi coñecido, Xavier Queipo, e outro case descoñecido, Antón Vialle.
A Literatura está por cima das linguas, pero obriga a interpretar –non só a traducir– cando as distancias culturais son grandes. É certísimo que a alma do escritor descansa cando fai Literatura na lingua do seu pobo, mais ¿cal é a lingua da Irlanda? A inmensa maioría dos irlandeses son aglotas. Joyce non escolleu lingua, escribiu na súa, a do amo inglés.
Desde o inglés dos amos do mundo, catro galegos lanzáronse a interpretar o que hoxe lemos doadamente. Por dous asino aval: o Queipo traballa en inglés, é poeta oficial de Bruxelas e narrador galego de infinitos rexistros. O Vialle é intérprete de profesión; pasando polo inglés cando lle fai falta, interpreta desde e para portugués, castelán, francés, italiano, neerlandés, alemán, sueco e polaco… De novo vale dicir que “Galicia é a Diáspora”: coa achega dos expatriados, o galego faise lingua universal.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/12/2013]

Share