Fabricar en Galicia

«¿Fabricar en Galicia? Imposible». Sorprende a rotundidade; como pode sorprender o perfil de que tan rotundamente se manifesta: enxeñeiro dun ramo que descoñece o desemprego. A maioría dos seus compañeiros de escola superior andan espallados polos países industriais da Europa. Ás veces reciben ofertas para retornaren, mellores en salario cás do mundo frío e cervexeiro a onde foron dar; mais non volven porque alá abundan as oportunidades, de inventar e fabricar. Aquí, non. Se falla un emprego, adeus…

O que decidiu ficar, pola boa vidiña do de Galicia («Meu vello fai 2.000 botellas de albariño; e vanse bebendo con marisco»), acabou desesperado nos seus intentos de fabricar e agora vaille vento en popa coa enxeñería: deseña e calcula para moitas empresas («Os meus clientes empezan en Euskadi e acaban en Escocia»). Con todo, a súa ilusión era producir inventos. Mais no Impaís non se pode porque o estorban a burocracia, a ignorancia dos «acoplados» aos institutos que deberían fomentar a industria e a covardía dos bancos. O pai deste enxeñeiro foi operario do naval e fai sentenza: «Antes, nun estaleiro pintábase o demo maior; fabricabamos calquera cousa. Pero desde o Felipe González para aquí perdeuse o costume; e iso é o peor. Aínda ben que o viño está de moda. Se non, nin viño fariamos».

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 14/04/2015]

Share