Contra toda onda (A voo de tecla, 13/04/2007)

Semanas atrás tivo lugar un debate na Radio Voz sobre posibles efectos das microondas usadas para a telefonía celular. Houbo consideracións técnicas e, no trasfondo, unha contraposición entre o demostrable e o indemostrable. Falou quen non está disposto a renunciar ao benestar das telecomunicacións e quen se dispón a ir contra toda onda supostamente nociva.
A suposición de nocividade por parte das microondas contrasta coa experiencia dun século de radiocomunicación. Entre técnicos das telecomunicacións non se fala dos que, tendo recibido grandes doses de radiación electromagnética, sufrisen ningún tipo de enfermidades ou dexeneracións orgánicas. Tal é o caso dos encargados dos centros emisores de televisión: sobre eles rádianse potencias centos de veces superiores ás que emiten as estacións base de telefonía, fan gardas de moitas horas diarias e gozan de saúde normal. Polo seu coñecemento pasa que as frecuencias das radiacións que reciben (próximas no espectro ás da telefonía móbil) non teñen efecto sobre os seus organismos, salvo a calor.
A sabedoría é suma do coñecemento mais a experiencia; e de sabios é imaxinar efectos similares cando as causas novas son moi semellantes ás coñecidas.
¿Por que as ondas de transmisión da telefonía han de ser máis perigosas cás da televisión? No debate da Radio Voz unha participante deu razóns falsas: dixo que por seren “pulsantes”. Debía confundirse coas do radar (que tampouco parecen estragar a saúde dos mariños, continuos receptores delas).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 13/04/2007]

Share