A “Enernet” (A voo de tecla, 30/05/2013)

Cando as compañías eléctricas poñen os gobernos contra as cordas e os cidadáns cabeza abaixo (para que lles caian dos petos as moedas) todo o mundo protesta, mais poucos o fan con criterios técnicos. Por exemplo, ninguén enfronta a realidade do anacronismo de manter contadores de enerxía subministrada cuxa revisión se fai cada ¡dous meses! Na era da “internet das cousas” iso non se sostén.
Coma sempre, os ianquis, que son ricos en enerxía (van ser exportadores de hidrocarburos en dez anos), andan a tratar da eléctrica cun novo concepto, xa acuñado por eles e que, por tanto, acabaremos metendo no vocabulario global: a “Enernet”.
Xa está vulgarizada a tecnoloxía que permite coñecer en tempo case real o gasto de cada dispositivo conectado á rede, e o do conxunto de dispositivos de cada cliente da compañía eléctrica; e de todos os clientes dela. Grazas ás redes locais de datos e á internet, o cliente pode optimizar o seu gasto e a compañía subministradora aplicar algoritmos de cálculo que lle permitan axustar finamente a produción de electricidade á demanda. Aínda máis, a “Enernet” facilita o acoplar, sen perturbacións, pequenas redes intelixentes de produción e consumo de electricidade dentro dos grandes sistemas.
De inmediato, as compañías eléctricas han vir co conto de quen pagará os contadores conectados á internet… Pois elas: segundo as probas feitas nos EE.UU., os investimentos en “Enernet” vense máis que compensados cos aforros xerados por ela nas plantas de xeración.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/05/2013]

Share