Made in Spain (A voo de tecla, 07/05/2013)

Como reino ou república, con Cataluña ou sen ela, España non vai deixar de existir porque é unha forma de civilización (vista dun xeito “de secano” desde Madrid e doutro, universalista, desde os portos de mar). “Spain” vai seguir na boca de miles de millóns de humanos que falan “Globish”, lingua franca derivada do inglés. Por tanto, cómpre defender a vixencia e o futuro do “Made in Spain”.
Se para algo están a servir as crises paralelas que vivimos en España –a institucional, a económica e a social– é para os enxeños se agudizaren e xurdiren ideas conducentes ao inevitable: fronte aos servizos xa demodés, a industria moderna; fronte ao tixolo e o cemento, os produtos de alto valor engadido.
Mais iso implica unha revolución industrial sen obreiros a bateren co martelo ou a viraren o parafusador, choios repetitivos propios de robots. E non haberá nela mariñeiros expostos a cabos e coitelos, porque amarrar e cortar vai ser cousa de autómatas. Na cadea de produción, desde a extracción á embalaxe, hanse necesitar operarios con alta cualificación profesional. Tras deles, técnicos de bata branca, facilitadores da automatización. E, aínda por tras dos tecnólogos, científicos a investigaren.
Fracasado o programa de país que impulsaron González e Aznar, o “Made in Spain” con calidade –segundo diversos cálculos– non vai ter sitio para 2 millóns de inmigrantes sen formación, en canto precisará do retorno de 200.000 emigrantes formados. Ese é o maior reto social de Rajoy ou de quen o suceda.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 07/05/2013]

Share