Carta a don Xesús (A voo de tecla, 26/04/2013)

Sr. Profesor don Xesús Alonso Montero:
Moi probabelmente vostede non lembra onde e cando nos coñecemos, pois daquela eu era un rapaz entre moitos. Foi no Colégio Maior San Juan Evangelista de Madrid, e acabamos en discusión: os galeguistas estabamos enfrontados aos comunistas “universalistas”, teimosos en falaren castelán.
Con todo, cómpre-me recoñecer-lle a peculiaridade de que, sendo comunista, se preocupase polo idioma patrimonial de Galícia. Nesa preocupación coincidimos, mesmo en circunstáncias de vida diferentes: vostede andaba na lingüística de Letras en canto eu estudaba a fala humana e as linguages de comunicación desde o punto de vista técnico-científico. Vostede seica non viviu en países de falas distintas ao castelán en canto a min a vida me levou por mundos raros (de feito, o profesor Manuel Rodrigues Lapa chamaba-me “escritor andarilho”).
Cando un usa a cotio media dúcia de idiomas, ben comprende a conveniéncia de acomodar falas próximas polo ben do seu conjunto. Isto, sen irmos moi longe, dá-lles aos galegos expatriados en Flandres para pensaren dabondo.
Non sendo eu excepción entre os multiglósicos viajados, tampouco o fun nun pensamento que vostede nos provocou. Mal se viu presidente da Académia ja lanzaba anatema contra “o lusismo”, espécie de cocón para enxebristas de eras anteriores á actual, telemática e globalizante.
Nunha recente entrevista televisiva con fondo nos enguedellos acadêmicos, pediu-se-me opinión sobre os retos a enfrontar de inmediato pola entidade que vostede preside. Respondin que o máis grave é a loita contra o neocastrapo, ou sexa: a traslación crua da fala madrileña ao vocabulário galego, que se amosa mesmo na boca de algun académico. O segundo reto é o da grafia: cómpre volver á histórica, para que a gente non pronuncie Rajoy como “Rakhoy”; e aproximá-la á portuguesa, para lles facilitar aos escolares o acceso á grande lusofonia dos negócios (e da Literatura). O terceiro é o dos apelidos castelanizados, no que a Académia se vén mostrando inoperante mália certas promesas.
Valla-me logo este último reto como pé da despedida. Para esquecermos finalmente a discusión de hai corenta e cinco anos no San Juan Evangelista, teria vostede, don Jesús, que levar os seus apelidos ás ben probábeis origes galegas deles: Afonso e Monteiro.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 26/04/2013]

Share