Vellos activos (A voo de tecla, 12/04/2013)

Informa La Voz de Galicia que entre os galegos non hai grande preocupación polo desastre demográfico. Seica no pensamento xeral a inversión da pirámide de poboación non se ve coma unha ameaza. Subindo aos niveis do goberno áchase, dunha banda, intención de fomentar a natalidade e, doutra, un mal exemplo: presidente solteiro e conselleiros que suman moi poucos fillos entre todos.
Desde un punto nihilista e ateo, non fan falta nenos porque no mundo sobra xente. Aínda máis, sobramos todos: a humana é unha especie maligna. Dá cabo da Terra e fai insostible a vida pola ambición de converter recursos naturais en elementos de gozo, nunha quimera de tecnolóxico paraíso terreal.
Os fillos de Breogán non parecen entender que, se non hai renovación de xente, os vellos han ter que se valer coas forzas físicas e as capacidades mentais que lles resten; porque non todo se resolve con asistentas domésticas iberoamericanas: na atención aos maiores precísanse coñecementos que esas mozas non teñen.
Aconteza o que acontecer nos próximos anos, Galicia é xa un asilo de anciáns en potencia. Ante o cal cómpre pensar no envellecemento activo: aproveitar as habilidades dos maiores aínda útiles para axuda dos que non se poden valer.
Hai quen fala de que a extensión da vida laboral choca coa inserción da xente nova no traballo. Sen dúbida, pero non fica outro remedio: para que o Impaís non se afunda rapidamente nun buraco negro, os vellos expertos terán que competir cos mancebos incapaces de ter fillos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 12/04/2013]

Share