Drones para todo (A voo de tecla, 18/02/2013)

Nas últimas semanas armouse grande rebumbio en todo o mundo por culpa dos “drones”, robots voadores que poden mesmo ameazar o segredo do próximo cónclave papal: hainos tan pequerrechos coma os abellóns dos que toman o nome, e pódense coar polos regandixos da Capela Sixtina para espiaren o labor dos cardeais.
Fóra chanzas, o mundo mira con preocupación o uso dos avións non tripulados que violan o espazo aéreo de calquera país para espiaren e mataren inimigos de quen os posúe e manexa (EE. UU. e Israel). En consecuencia érguense voces a clamaren por unha regulamentación ad hoc, mais tarde piaron: unha vez máis na Historia, a tecnoloxía adiantouse á lexislación.
Se non se lle poden pór valados e cancelas a todo o campo, menos se lle van poder pór redes ao aire para evitarmos que os robots voadores anden a fungar dun lado para outro. Coma sempre as técnicas aplicadas á guerra deron lugar ao florecemento da industria de uso civil; de maneira que cómpre afacerse á idea duns ceos cheos de “drones” a recoller e entregar medicamentos, pizzas e tortillas, como hoxe se fai en moto; ou apagando incendios forestais: non hai por que pór en perigo vidas de pilotos para extinguilos cando o poden facer máquinas intelixentes teledirixidas.
A aviónica e a robótica están aí, para o ben e para o mal. Vista a proliferación dos aparellos e as súas aplicacións, haberá que fomentar o seu uso pacífico e regulamentar como usalos. Fágase logo, e que ninguén diga que políticos e parlamentos non valen para nada.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 18/02/2013]

Share