Da CRTVG ao Parlamento (A voo de tecla, 07/02/2013)

Nos tempos que alá van, cando comezaba a funcionar a CRTVG, era obriga que os empregados da Compañía fixesen cursos de galego e, dependendo do seu aproveitamento, obtivesen certificado de dominio da lingua.
Daquela oficiaban na CRTVG xornalistas e escritores de prestixio recoñecido como usuarias do idioma. Deuse o caso de algún profesor dos que impartían gramática ser especialista na obra de certo narrador que traballaba en San Marcos. Chegado o momento de certificar as proficiencias, media avergoñada, unha docente viuse obrigada a examinar un autor moi admirado por ela. E fíxose, porque a norma era para todos.
Isto vén ao fío do que está a pasar no Parlamento de Galicia, onde as máquinas de tradución automática tolean pois, sendo máquinas, teñen na memoria as características do galego e do castelán pero fáltalles imaxinación humana para disimularen tanto erro como as súas señorías cometen.
Aínda máis, é salientable o caso da presidenta. A señora Rojo (ou Roxo, se for apelido de orixe galega) dá mostras continuas de ignorancia da fala autóctona, en contraste cos seus predecesores, todos os cales a manexaron como natural.
Poida que non sexa a materna de dona Pilar, mais catro anos de exercicio ben lle poderían ter valido para se axeitar e dar exemplo. Poida, tamén, que haxa algún notorio práctico da lingua do país entre os deputados; pero unha esixencia coma a da CRTVG é hoxe imprescindible no Hórreo: sería lección de humildade que honraría ante o pobo a desprestixiada clase política.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 07/02/2013]

Share