Pilar Rojo, dimisión (A voo de tecla, 01/02/2013)

As Cartas ao Director de La Voz son unha boa mostra do que anda no ambiente; e velaí a que recentemente escribía Iolanda Teixeiro sobre a señora que ela chama “Alicerce Vermello” nunha mostra de sorna admirable.
Ora, habería que lle recordar á señora Teixeiro que “Rojo”, como apelido dunha persoa galega, podería ser así se for castelán, ou ben “Roxo”, orixinalmente galego, logo de ser castrapeado. De calquera xeito, atrévome a afirmar que dona Pilar Rojo, presidenta do Parlamento Galego, non sabe moito de cores na fala do país. Tanto lle ten Roxo coma Vermello: non distingue.
Durante moitas lexislaturas, ese Parlamento foi presidido por homes que falaban galego naturalmente; que tiñan todos os recursos da fala, á que daban lustre desde tan alta comisión. Ata que o Partido Popular tivo o triste acerto de pór na cadeira presidencial unha muller que ignora a lingua do país a extremos da vergoña allea.
Pilar Rojo (ou Roxo se for de orixe galega, insistamos) nin é capaz de pronunciar o fonema “unha” que fai sintonizar os oídos en galego; e o seu discurso é tal mestura que fai tolear os tradutores automáticos. Se os filólogos queren traballar, observen a mellor mostra posible de noecastrapo-falante á fronte da representación democrática de todos os galegos.
En fin, Exma. Sra.: xa sabemos que a arquitectura vai mal e que un soldo de parlamentario é fixo por catro anos; pero, se nos catro anteriores non deu aprendido a falar, dimita, por inútil para o posto. Tal xesto aínda a honraría.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 01/02/2013]

Share