“Ferrol á ferranchina” (A voo de tecla, 29/01/2013)

“Ferrol tiene playas, marisco y sol”; e alcol, para esquecer glorias pasadas. A cidade prexubilada, na que o Rioxa podería entrar por “viñoduto”, acolle a maior concentración de coñecemento técnico per capita de España, hoxe cesante en boa parte. Tanto ten un experto en radares tridimensionais coma un mestre de soldadura: aos 52 anos, a beber Rioxa.
O de Ferrol é imperdoable. Políticos e sindicalistas levaron a cidade a perder 20.000 habitantes nos 30 últimos anos. Estranxeiros que a visitan hoxe fican tan perplexos como outrora don “Jorgito el Inglés”.
En 1836 o promotor da Biblia preguntábase como puidera decaer a tal miseria a primeira cidade galega ata había pouco. Hoxe os visitantes preguntan por que non flúe o coñecemento dos ferroláns, como non se aplica a sabedoría dos xubilados á docencia, por que non se aproveita o centro de transferencia tecnolóxica con que conta a cidade…
Ferrol vibrou, vivaz, en tempos de construír barcos. Despois pasou a reparalos, e colleu sona no mundo. Agora fálase de despezar o “Príncipe de Asturias” e mírase para unha fragata a enferruxar na base da Graña.
En Bruxelas iso chámase “decommissioning”: deconstruír e reciclar. Nada coma un reloxeiro para desmontar un reloxo, e quizais os estaleiros de Ferrol poidan atopar sitio na “green economy” despezando barcos con xeito. A capital da Ferrolterra pode volver medrar usando os seus saberes para a utopía dun mundo sostible. “Andar á ferranchina” (dito ferrolterrán) aínda pode ser motivo de orgullo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/01/2013]

Share