Terceiro na Academia (A voo de tecla, 23/11/2012)

Xosé Terceiro Lomba, galego-habaneiro, ten moitas virtudes, mais os amigos considéranlle unha especial: ameniza paseos e rexoubas coma ninguén, ás veces acompañado polo irmán Xaime e polo fillo Carlos, que vai de aprendiz.
Escoitar a súa versión do 23F, en que actuou de maneira determinante (como saben Tejero e “o Soberano”, que así lle chama o Pepe), é unha delicia, unha inmersión na España da negrura e da esperanza ao tempo. Pero tamén se lle pode escoitar sobre economía mundial, telemática, electrónica e enerxías alternativas. Neste campo, pouca xente no mundo saberá tanto coma el de bioetanol ou de centrais solares de concentración: é o rei dos heliostatos.
E iso foi, moi probablemente, o que o levou á Real Academia Española cun discurso moralizante, escrito no seu pazo de Arzúa. Académicos modernos coma Villanueva ou Rojo daríanlle o voto, e non só por “cabildeo” (linda palabra hispana, anterior a “lobbying”) dos galegos mencionados. Tivo apoios dabondo porque na RAE se sabe que ás academias das linguas lles cómpre contar coa compoñente técnico-científica.
Sempre humilde, malia ser home de moitos millóns a facturar e centos de persoas a mandar, o catedrático Terceiro xa demostrara no Consello da Cultura Galega o seu coñecemento vastísimo de campos semánticos que van da electricidade á aviación pasando pola agricultura; e na Sección de Ciencia, Tecnoloxía e Sociedade do CCG fixo amigos para sempre. Como agora os fará na RAG (que, no fondo, é o que lle importa). Ánimo, Pepe.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 23/11/2012]

Share