Manufactured in USA (A voo de tecla, 21/11/2012)

Velaí U.S.A. en estado puro: rañaceos que desafían pantanos e ollan con displicencia un enguedello de viaductos e pontes polos que circula trens non tripulados, coches aerodinámicos, autobuses que pregoan a súa condición de propulsión híbrida. Dous anuncios repítense con potencia de díodos luminiscentes, capaces de brillaren máis que o sol: eses valos publicitarios electrónicos insisten cunha “minitablet” e cun coche “eléctrico”, recargable no garaxe.
“Made in USA.” foi frase de garantía durante o século XX; despois viñeron “Made in Germany” e “Made in Japan”. Finalmente, todo é “Made in China”. Pero coidadiño co “Designed in USA”: a América dos ianquis nunca parou de inventar, nin de producir o máis sofisticado: avións, submarinos nucleares, foguetes, superordenadores… Estes días está nos escaparates un libro que ofrece pouca dúbida no título, “Nación emprendedora”, e no subtítulo, “Porqué a fabricación é aínda a chave do futuro de América”. Asínao Ro Khanna, fillo de inmigrantes asiáticos, unha autoridade en innovación e exportación.
Nos EE.UU. hoxe séntese que a xente quere volver a unha condición perdida pola cobiza de quen non se preocupa polo traballo case escravo chinés. Os americanos entenden que a fabricación propia é unha honra; e que fabricar moraliza. Ser obreiro dunha fábrica é algo moi digno, que permite dicir “We made it” (“fíxémolo nós”) formando parte dun colectivo… Tomen nota os políticos españois, porque aquí –humildemente– tamén houbo orgullo de fabricar.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 21/11/2012]

Share