Sindicatos e sindicalistas (A voo de tecla, 02/11/2012)

Hoxe sábese que os Kirchner son de Río Gallegos, e que alá fixeron fortuna especulando coa terra erma do extremo sur das Américas; pero en 1989 poucos españois oíran dese lugar xélido e ventoso.
Daquela chegou a Río Gallegos un enxeñeiro do grupo Telefónica que sabía de “La Patagonia trágica” e “La Patagonia rebelde”, obras sobre a épica da insurrección anarquista dos anos 20. O visitante foi agasallado polos galegos, que lle abriron o local do seu centro sen actividade; e un velliño de Noia, o señor Bartolo, contoulle que “el gallego Soto” era galego de verdade, de Ferrol… Certamente. Cos datos dos historiadores arxentinos sobre “el líder sindical Antonio Soto”, Xaime Bello logo atoparía a acta de nacemento no rexistro ferrolán.
Aos seus vintetrés anos, Soto xa organizaba un paro xeral no que mesmo participaron as traballadoras do sexo. Repetíronse as folgas da Patagonia e pasaron á Historia con 1.600 obreiros mortos (por certo, o avó do Néstor Kirchner figura na lista de patróns represores). Os afiliados ao sindicato anarquista eran moitos, pagaban a súa cota regularmente e contribuían á caixa de resistencia. Os sindicalistas liberados eran moi poucos, e mantidos polos compañeiros.
Ante a folga do 14 de novembro cabe preguntarse como confiar en sindicatos e sindicalistas que viven do erario público, non por dubidarmos da súa honradez senón porque a súa independencia é imposible. Nun intre de cambios de paradigma coma o actual, Río Gallegos, Soto e o señor Bartolo volven á memoria.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 02/11/2012]

Share