Madrid-La Habana (A voo de tecla, 19/09/2012)

Hai nove anos, nas páxinas de opinión de La Voz aparecía unha columniña titulada “Odios cervales (sic)”. Nela falábase de “unha señora loura e delgada que loita por mandar… que vén de presidir un senado que só vale para repartir coenxías… e antes fora ministra de Cultura”. Ou sexa, Esperanza Aguirre, quen daquela denunciaba “odios cervales” na Comunidade de Madrid.
Teimuda a dama, seguiu na súa aposta e chegou a presidir esa comunidade, que porfía con Cataluña pola primacía entre as “rexións españolas” (visión europea) no eido de investigación. Hai pouco abandonaba o posto deixando ver que tales odios “cervales” non son exclusivos da amalgama de xente de toda España que se cualificou sen xeito de “comunidade”. No Partido Popular “nacional” –como en todos– hai correntes de fondo.
A dona dos despistes, capaz de confundir pánico con odio, deixou a cadeira de presidenta logo de que se fixese na súa querida rexión un dos negocios máis charramangueiros a imaxinar (competindo de novo coa secesionista Cataluña): o de Las Vegas en calquera ermo periférico da megalópole. Foise con ese arranxo mentres faltan cartos para pagar aos científicos madrileños. Despois do ladrillo, o vicio.
A dona Esperanza cómpre lembrarlle o que foi a Habana, algo entre Las Vegas e o Chicago do Caribe. Lea, pois “sabe” inglés, “Havana nocturn” de T. J. English e vexa o perigo de que as mafias manden na capital dun país. Para afundir de todo España só falta termos un Batista e un Santo Trafficante (sic) en Madrid.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 19/09/2012]

Share