“Dona Concha e Dona Pilar” (A voo de tecla, 15/09/2012)

A campaña electoral e os acontecementos colaterais pódennos levar a pensarmos que a vida cultural parou. Mais non é certo, e velaí a estrea de “A visitadora de cárceres”, filme que reflicte de maneira contundente a fortaleza moral dunha ferrolá que pasou á Historia, dona Concha Arenal. Na obra audiovisual hai o selo de calidade dunha ferrolá por familia, Ignacia (Zaza) Ceballos González-Llanos.
A aventura de Concepción Arenal, apoiada por Juana de Vega, fala de algo que aínda custa superar en todo o mundo, un prexuízo absurdo: o de que as mulleres non vallan para determinadas profesións. E isto levaría a falar doutra dama ferrolá mal coñecida polo público: Pilar Franco, veciña dos González-Llanos en terras eumesas.
Zaza debe lembrar que Pilar paseaba fillos e netos nunha buceta que ela mesma capitaneaba. O que quizais non saiba é que, sendo moza, se embarcaba nas tarrafas de Pontedeume, ía ao peixe e fumaba cuarteirón dos mariñeiros. Sempre cunha queixa: pena non ser home para poder ser mariño coma os da familia.
Aínda máis, xa viúva e cunha grea de fillos, meteuse a industrial de fariña de froitos secos, e por aí derivou a outros negocios que enfadaban o Caudillo pois non quería ver a irmá metida en “asuntos de homes”. Pasaba épocas sen falar con ela.
Cen anos despois que dona Concha, dona Pilar sufriu do mesmo mal social. Se cadra, pola mesma razón, Pilar Franco mereza que alguén recolla a súa peculiar biografía: a unha muller animosa non lle valeu nin ser irmá do amo de todo.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/09/2012]

Share