“Dentro do segredo” (A voo de tecla, 12/09/2012)

Vello é o dito do grande escritor: “estou máis orgulloso dos libros que lin ca dos que escribín”. Por veces, quen é do oficio dá na diana, no centro da información. Para quen andou por lugares ignotos e de alá trouxo crónicas, é pracer inmenso atopar a obra dun colega que o induza á envexa da vivencia relatada.
Este é o caso dunha peza literaria oportunísima: “Dentro do segredo”, de José Luís Peixoto, publicada por Quetzal. O Peixoto —renomeado narrador, ficcionista, seleccionado polo Biblos Clube entre o mellor da oferta portuguesa— lévanos da man a un lugar que só se pode cualificar de onírico, e infernal, onde o viaxeiro sente noxo de ter comido carne de can e non pode lavar a boca dabondo porque, como en calquera hotel do país, non ten máis auga no cuarto que a da bañeira chea.
Miseria tras miseria, fotos prohibidas, xuramento de non escribir sobre o visto, Peixoto transita pola Corea do Norte, continuo monumento a tres xeracións de Kims. A viaxe aínda non ten un ano, o viaxeiro foi admitido (sen móbil) nunha excursión conmemorativa do centenario do Kil Il-sung e levado ata lugares onde había seis décadas que ninguén vira un estranxeiro.
O seu relatorio obriga o lector a un exercicio de contención para non pasar páxinas vorazmente. Ao contrario, cómpre lelo a modiño, regustándoo; mais coa présa correspondente ao receo de que os xenerais da Corea Paria fagan un movemento tolo que obrigue os americanos a fulminaren o que nos fai lembrar “O Mago de Hoz” en versión socio-política.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 12/09/2012]

Share