21 O: neocastrapo político (A voo de tecla, 10/09/2012)

A TVE recolle –con subtítulos– as palabras dun político en suposto galego. Desde a barra da cafetería da autoestrada viaxeiros portugueses escoitan, e un deles pregunta “Mas que é isso que fala o gajo?”. Ao seu lado uns galegos comezan a debater sobre o “castrapo” e o “neocastrapo”…
O 21 de outubro aproxímase e os intervenientes na lide cara ao Hórreo falan sen couto. Mais, ¿que falan? Algo que confunde os tradutores automáticos cando se aplican ás actas do Parlamento, ou que obriga os redactores de La Voz a corrixiren declaracións para que o galego do xornal sexa iso: galego.
“O noso partido se vai a volcar no esforzo hacia o pleno empleo… Estos anos pasaos se colleu a mala costume… Todavía te vendrán a decir o que lles dé a gana, pero ti non to creas… Se comen o marrón da lei que habían feito…”. Etcétera.
Con todo, o galego é un idioma perfectamente codificado, e supostamente estudado segundo o código que avalan o ILG e a RAG. Mais a clase política galega (salvo raras excepcións) obstínase en servir de sicario contra a lingua matriz dun dos tres idiomas europeos máis falados no mundo. Quizais teña moita culpa diso que as súas señorías len pouquísimo en galego, nada en portugués e moito en castelán.
Han ter Madrid como referencia para todo. De feito agora repiten, traducida ao galego, unha expresión madrileña, propia de onde chove escasamente: “Coa que está a caer”… Certo, “con la que está cayendo” en Galicia (non de chuvia mais de neocastrapo) o país non se dá salvado.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/09/2012]

Share

One Comment

Comments are closed.