I+i+i’ contra o lume (A voo de tecla, 17/08/2012)

Aínda que semelle unha obviedade, os lumes nos montes teñen sempre unha secuencia: prendelos, descubrilos e apagalos. Detrás dela hai un mundo de cousas e xentes, e uns custos que se analizaban estes días con precisión en La Voz. Os incendios sempre foron algo atroz, mais agora preséntanse con nova perspectiva: só os intelectualmente cegos negan que o quentamento global sexa un feito a curto prazo.
O verán de 2012 no Hemisferio Norte está a pasar avisos serios a respecto aos lumes nos bosques: os de Levante e Canarias son noticia cotiá; os do norte de California asustan polas súas proporcións; en Francia “la canicule” fai desgrazas nos montes; e Galicia, como sempre, dá triste exemplo. En todos os casos medraron as proporcións dun novo fenómeno: as lapas cercaron vivendas e houbo que desaloxar poboacións enteiras.
Este verán boreal será lembrado por unha ameaza ecolóxica innegable e por un feito técnico-científico de grande importancia: en canto o xeo da Groenlandia se derretía a velocidade antes descoñecida, a NASA puxo en Marte un robot explorador coa intención de saber se alá houbo vida (e –seica– se o planeta vermello poderá acoller no futuro restos da Humanidade)…
Volvendo ás tres fases de calquera incendio, cómpre lembrar cando ao conselleiro Sineiro se lle presentou un sistema de supervisión de montes desde torres, que permitía detectar lumes de 1 metro cadrado a 10 quilómetros de distancia. Cubrir os 2 millóns de hectáreas de arborado e toxeira de Galicia custaba 6.000 millóns de pesetas. O señor Sineiro, asisadamente, comentou que o problema non estaba en detectar senón en deter (o incendiario e o lume), o cal custaba moito máis. Certo. Ora, xa daquela se falou de disuadir os incendiarios facéndolles saber que un lume se podería apagar axiña. Cumpría logo centrar esforzos en descubrir sistemas de extinción rápida sen custo humano.
Mais pasados cinco lustros os lumes séguense a extinguir cos métodos tradicionais: bombeiros, hidroavións, helicópteros… Levanta sospeitas que o proceso de I+i+i’ (investigación, innovación e internacionalización) non teña avanzado neste eido: ¿quen se beneficia con tal atraso? ¿Canto se leva gastado contra a praga incendiaria? ¿Con que resultados? Imaxínese que só en Galicia unha pequena parte dos “orzamentos do lume” se tivesen dedicado a I+i+i’ en dispositivos e sistemas para o apagado rápido. ¿Seguiría este país madeireiro á mercé dos ceos (da chuvia e os ventos), como aínda segue, ou andaría a exportar patentes contra incendios?

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/08/2012]

Share