De Tombuctú a Tombooktu (A voo de tecla, 05/08/2012)

Buscando cun navegador polos infinitos lugares da web (a arañeira universal), verase que a Tombuctú lle apareceu un competidor fonético, “Tombooktu”; e que ese novo nome leva aparellado un camelo feito por arte de papiroflexia: é o logo dun selo editorial que produce textos coidadosamente editados en formato “e-book” antes de seren impresos baixo demanda.
A idea de “Tombooktu” está baseada na esencia de Tombuctú, a cidade de Mali onde se conservou unha biblioteca vastísima de documentos creados no mundo musulmán. Esa biblioteca é fundamental para entender España, supranación en crise –non só económica–, chea de diferenzas fronte a outros estados europeos.
Quen queira informarse a fondo sobre Tombuctú e España, lea “Los otros españoles” de Ismael Diadié e Manuel Pimentel. O subtítulo do libro, “Los manuscritos de Tombuctú: andalusíes en el Níger”, revela obxectivos dos autores. Nada tan desmitificador da Historia de “los árabes” na Península Ibérica coma o texto de Diadié, un malí descendente de andalusís, e Pimentel, un andaluz descendente de galegos.
“Tombooktu” nace na web en canto Tombuctú perece no deserto: a cidade mítica caeu recentemente en poder de integristas aos que libros españois en árabe, hebreo e castelán “aljamiado” non lles lembran o esplendor de Al-Ándalus. As potencias europeas e os EE.UU. temen que Al-Qaeda se asente en Tombuctú e de alí irradie fanatismo; mais é o mundo enteiro o que debería temer a destrución dun ben literario universal a mans duns tolos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 05/08/2012]

Share