Fábulas da China (A voo de tecla, 29/07/2012)

Especias e louza levaron os portugueses no século XVI ao Extremo Oriente. Cinco séculos despois, a electrónica leva os galegos alá. Como aqueles portugueses (entre os que había galegos moi sospeitosos para a corte da Castela), hoxe os galegos envían noticias fabulosas da China.
De fábula –triste– é que nunha empresa de sistemas audiovisuais, entre trescentos empregados só haxa catro con acceso á Internet e só tres falen “ingris”, como eles din; que os directivos teñan coche con chofer mentres os obreiros viven en barracas nunha campa gañada a un arrozal lindeiro coa fábrica; que estes almorcen, xanten e ceen na fábrica; que sigan a traballar logo da cea; que traballen seis días á semana e no domingo fiquen nas barracas a fumar, fumar, fumar…
Os chineses producen marabillas que o mundo enteiro compra; mais, recoñecendo que non saben dabondo e queren aprender, contratan técnicos e científicos, preferentemente pasados polos EE.UU. (xa no século XVI contrataban artilleiros europeos).
Hai pouco contaba as súas aventuras un ferrolán expatriado nunha “mushroom town” (“cidade cogumelo”) de varios millóns de habitantes, xurdida entre campos de arroz. Seica o peor alá é se facer entender, mesmo polos que falan “ingris”. E puña un exemplo: un colega europeo pediu para ao laboratorio un “phase checker”, comprobador de fase de onda. Logo de horas, envolto como agasallo e con cerimonia, entregáronlle un espello de man. Pensaran que pedía un “face checker”, ou sexa: un comprobador de cara.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/07/2012]

Share