Aznar, Rajoy e o Prestige (A voo de tecla, 25/07/2012)

Os ilustrados dicían que “poder naval é poder mundial”. A Gran Bretaña conservouno e España perdeuno, se cadra porque cando un comandante británico perdía o barco tiña que xustificarse ante consello de guerra mentres os mariños españois eran exculpados. Agora, cando España se afunde furada a canonazos de especulación internacional, seica non se debe ollar cara atrás e procurar culpables.
No ardor do verán ibérico a amnesia xeral é un refresco; aínda se lambe o resultado estupefaciente de “La Roja” e xa soñan triunfos londinenses, olímpicos. Mais sempre houbo españois con memoria e hoxe hai quen lembra a orixe do desastre. Primeiro foi “Señor González, váyase”; despois, “España va bien”. Díxoselle que non: José María, que así non se vai a ningures; que temos que inventar e producir, que van sobrar casas…
Non atendeu, e acabou o seu reinado cun afundimento que xustificaría consello de guerra: o do “Prestige”. Por iso, agora, cando lles quere botar todas as culpas ao Zapatero e os seus homes de palla con lume (o Solbes volveu a Bruxelas porque se queimaba), cómpre lembrarlle o desastre e quen o axudou a xestionalo. O Paco Cascos afogou no pozo do “Principau” pero o Mariano, o dos “hilillos de plastilina”, é quen nos leva contra os escollos.
Señor Aznar, cale; non diga parvadas lonxe, en Puerto Rico. Veña á Costa da Morte e atrévase a cuantificar ante un pobo obnubilado pola burbulla inmobiliaria do aznarato os miles de millóns, asinados por vostede, que afundiron co “Prestige”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/07/2012]

Share