“Ruada” en Puerto Rico (28/06/2012)

San Juan de Puerto Rico. Dous tiranetes fixéronlle á “Isla del encanto” un favor enorme: primeiro Franco e despois Castro marcaron rumbos de exilio a galegos que virían producir riqueza intelectual, científica, técnica e comercial no territorio asociado aos EE.UU.
Puerto Rico acolle unha inmigración galega pouco coñecida, algo “fóra de circuíto”, a medio camiño entre a Hispanidade e o Verdadeiro Imperio que se expresa en inglés. A illa é base perfecta para o desembarco dunha cultura europea coma a galega, chea de personalidade, nun inmenso mundo onde todo o peculiar é moi valorado. Os ianquis, faltos de historia cultural, adoran o “ethnic”.
En San Juan o profesor José Ramón de la Torre lembra a Ernesto Guerra da Cal e o seu verbo vibrante, reintegracionista. A profesora Matilde Albert Robatto –mugardesa– fai repaso das súas paixóns rosalianas e da nómina de intelectuais galegos que a ensinaron, comezando por Ramón Piñeiro…
Galegos de varias xeracións (Pilar Barba, galeguista activa da Casa de España, xa naceu na Habana) queren proxectar Galicia desde a illa aos EE.UU., e procuran quen lles facilite o camiño. Por casualidades da vida –que é todo casualidades– hai anos que contan coa figura impulsora de Xosé Luís Blanco Campaña.
Emociona ver en San Juan treitos daquel “Ruada” do Xosé Luís na TVG, e reflexionar cos emigrantes o que representou o programa: por primeira vez na súa Historia, os habitantes de toda Galicia puideron ver e oír como eran todos eles, sen distincións.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 28/06/2012]

Share