Bloque Regresista Galego (A voo de tecla, 30/04/2012)

Xuntanza mediático-telemática na Cidade da Cultura. Nela debería ter estado Fernando Pardo, o enxeñeiro construtor da RG e da TVG. Fernando, curmán do Juan (a quen ensinou a tocar a guitarra), dicía que en Galicia había darwinismo á contraria: os mellores non sobrevivían. Marchaban.
Na xuntanza deste día, arredor de Mar Pereira (a muller que maiores poderes concentra en Galicia para provocar cambios no eido das TIC), un interveniente atrevérase a dicir que, dadas as circunstancias políticas de Galicia, cumpría crear un novo partido. A funcionaria en posto político e os espectadores ficaron expectantes.
A proposta foi o Partido Regresista Telemático Galego: o país precisa que regrese a constelación de colegas que brillan no universo das TIC. Que volvan. Mar Pereira estivo de acordo (e, con seguridade, vaino trata co seu mentor, Núnez Feixó).
Despois do discurso preciso de Pereira, escoitouse a voz dun actor dos media en Galicia tan ponderado coma Afonso Cabaleiro: “Non estamos nunha etapa de mudanza senón nunha mudanza da etapa”.
Certo. Mudanza en todo. Polo que a iniciativa regresista non se debe reducir ao gremio exquisito das ondas e os bits. O regreso dos galegos formados aquí e curtidos na emigración é o si ou o non. A calidade de vida en Galicia supera as expectativas da de calquera país; mais “beleza não se come”, como din os brasileiros. Do Hórreo debería saír a solución definitiva, un Bloque Regresista Galego suprapartidario, cun lema indiscutible: “Regresar ou morrer”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/04/2012]

Share