Venecuba (A voo de tecla, 17/04/2012)

O taxi parece cubano, polo vello; mais isto non é Cuba senón un país onde os universitarios falan con liberdade mesmo nun campus dentro de “territorio bolivariano”. Informan de que, na realidade, non estamos en Venezuela senón en “Venecuba”. En Venezuela, como en Cuba, todo vén sendo do Estado; a nación non fai o Estado senón que o Estado fai a nación, e esa nación ten un dirixente carismático e máxico, que espera atallar as súas metástases.
¿Quen vai vivir máis, o Gran Caimán ou o Mono Rojo? Será o vello de Cuba, porque non cre na santería e logo se puxo nas mans dos médicos. El foi quen lle indicou ao militar venezolano amado polo pobo (que todo espera do Estado) a conveniencia de consultarse… E, cando morra o Mono, ¿que vai pasar? Probablemente nada grave porque, como en Cuba, canto produce beneficios está nas mans dos militares, hoxe aínda bolivarianos.
“Venecuba”: é ben coñecido que aquí hai moitos médicos cubanos, e tamén enxeñeiros; pero non se difunde que os cubanos “asesoran” en notarías e rexistros, no catastro, no documento de identidade. “Los argentinos del Caribe” (así chamados pola súa labia) saben todo de vidas e facendas dos venezolanos.
Venezuela (o Estado) paga os servizos deses técnicos a Cuba en petróleo a baixo prezo, e Cuba vende parte dese ouro negro a prezo de mercado internacional: un xeito de conseguir dólares e euros. O problema para o patrucio cubano virá se os militares de Venezuela pactaren cos EE.UU. ou a UE, pois o Irán fica moi lonxe do Caribe.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 17/04/2012]

Share