Fidel e a Igrexa Católica (A voo de tecla, 09/04/2012)

Pasou a Semana Santa e, por primeira vez en décadas, os cubanos tiveron unha Sexta Feira de Paixón non laborable. Sería concesión, se cadra, dun vello anticatólico que se atreveu a preguntarlle ao Papa en que consiste o traballo papal.
Cando se chega á fin da curta existencia humana os cerebros van perdendo potencia e algúns case se apagan. Iso é o que lle debe pasar ao do Fidel Castro pois parece mentira que, coa educación papista que levou –tanto en Santiago de Cuba como na Habana–, non lembre en que consiste o labor do herdeiro do apóstolo Pedro.
Seguindo as ideas de Erasmo de Roterdam no seu “Eloxio da Loucura”, a maioría dos anciáns viran coma nenos: dan por certo o que é imaxinario, e esquecen o que lles convén. Mais hai persoas maiores dabondo (moitas en Galicia) como para lles poderen recordar aos irmáns Castro Ruz canto lle deben á Igrexa Católica de Cuba.
Concretamente débenlle a educación, a vida e a forza aglutinadora da revolución que eles acabaron facendo súa (comunista e atea). Máis exactamente, débenlle todo iso a monseñor Enrique Pérez Serantes, que lles conseguiu colexio cando os prexuízos sociais os tiñan marcados de bastardos, fillos de manceba; que impediu que Del Río Chaviano os fusilase de inmediato no Moncada, e que montou unha rede de acceso de rebeldes desde Santiago a Sierra Maestra.
Don Enrique era de Tui. Tío avó dos Casares Mouriño, visitaba a familia sempre que viña a Galicia. No décimo cabodano do Carlos, ben se podería tirar polo fío (como el xa fixo).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/04/2012]

Share