“A hora de España” (A voo de tecla, 29/03/2012)

O novo cambio de horario volveu destapar en La Voz un vello asunto: a hora oficial de España. Tempo atrás –durante o goberno PSOE-Bloque– neste xornal librouse unha batalla dialéctica que derivou desde o medioambiental, laboral ou psicolóxico no absurdamente político. Algún polemista de Letras chegou a dicir que os partidarios de atrasaren a hora en Galicia eran uns separatistas vendidos ao ouro de Lisboa. Aínda ben que xente de Ciencias esgrimiron outros argumentos, hoxe repetibles.
O problema non é o absurdo do horario galego (o brasileiro máis galeguista de todos, Jorge Amado, dicía que el descubrira “as 10 da tarde” en Vigo). Quen teña nenos sabe o que é querelos sacar da praia no verán para deitalos… O problema é a hora española: os madrileños xa soportan 1 h 20’ de diferenza co tempo solar.
Un núcleo duro centralista –que nunca navegou– parece descoñecer que o meridiano de Greenwich, o da hora “0 GMT”, pasa por Castellón, ao Leste da capital de España. Sendo así, a hora oficial do Estado debería ser a mesma que a de Gran Bretaña e Portugal, países da UE que se saben fóra do fuso “0 GMT + 1”, correspondente ao centro de Europa (como Grecia, no extremo oriental da Unión, se sabe no “0 GMT + 2” e engade 60’).
Só unha pequenísima parte da Península Ibérica fica fóra do “fuso 0”: Cataluña. Se cadra, os cataláns –para marcaren de novo as súas diferenzas– se queiran manter con horario central europeo. Eles serían os “separatistas”. Non os galegos, fartos de madrugaren á forza.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 29/03/2012]

Share