“Embaixadiñas” (A voo de tecla, 25/01/2012)

Guerra de representacións das comunidades autónomas no exterior. Na hora de recortar gastos, os centralistas volven mallar: din que abonda coa representación común do Estado fóra de España; e cómpre darlles resposta, polo menos tendo en conta dous aspectos: a Europa das Rexións e as subvencións ás famosas I+i+i’ (investigación, innovación e internacionalización).
Dos que mandan en Madrid, hainos a feixes que non viaxan a onde non se lles entende e, por tanto, non van a Bruxelas, reino do Eurenglish e o francés. Haberá logo que traducirlles que a UE concibe Europa como estruturada en rexión naturais. Bruxelas fomenta a rexionalización, os funcionarios da Comisión Europea teñen orde de traballaren sobre módulos rexionais e fano con gusto pois prefiren “os pequenos tamaños”.
Por iso a ERRIN é unha asociación para o “lobbying” legal en Bruxelas moi eficaz, dedicada a influenciar nas liñas de subvención de proxectos e a facilitar o acceso a elas. Fórmana noventa rexións colaboradoras (Galicia incluída) con competencias sobre investigación e innovación.
Estando o Estado Español á beira da creba, correndo España o perigo de enterrar para sempre o seu acerbo científico-técnico, teremos que ir mendigar a Bruxelas, ¿non? Daquela, se os ministros de Rajoy (que se debe pronunciar Raxoi) queren que aforre todo o país, váianlles facendo sitio ás “embaixadiñas” rexionais na propia Representación Permanente de España na UE, tan ben situada no “quartier européen”. Dese xeito, todos contentos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/01/2012]

Share