“O voto rogado”

A avenida Libertador é longa, paralela ao río máis ancho do mundo. Entre ela e a ribeira están as instalacións recreativas do Centro Galicia. Remataba un ano e os galegos armaban festa. Mesmo convidaron, para facer brinde, un visitante do Impaís dos Soños.

Comeuse ben (¡habíase pasar fame no país da fartura!) e coa sobremesa viñan as confidencias: o do voto rogado é unha cambadela que fixo acabar coas votacións no exterior; xa non se lle vai votar máis que a «eses do Podemos» (por certo, ¿quen diaño é tal tropa?, preguntan ao convidado, quen tenta ser didáctico, fala do Pablo Echenique que é científico, dun gremio escaso no Parlamento Europeo). A «eses de Podemos» -insisten na frase- tróuxoos aquí o Lores, que fai o que lle manda o Beiras. Agora andan a confundir aos rapaces con dereito a voto, os únicos que van pasar os traballos de votar.

Eles, os maiores (un toca a gaita con paixón en canto un neto fedella no móbil, indiferente), non lle van votar a ninguén porque se ven abandonados. O Mariano non quere saber da emigración, e o Alberto xa dixo que tampouco, que o voto emigrante lle dera sustos. Non son coma don Manuel: el ben que entendía o que é emigrar.

Pena que se deixase morrer o Partido Galeguista (e ao brindar, o visitante séntese tentado a dicirlles «tarde piastes, amigos»).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 12/01/2015]

Share