Arbolitos porteños

A calor esmaga. Benvida a chuvia na banda sur do Río da Prata. Coma os bechos que saen da cova co trebón, polas rúas do Microcentro de Buenos Aires xorden vendedores coa cantilena ocasional de «Paraguas, paraguas». Mais non son os únicos a pregoaren algo. Con chuvia e sen ela, outros moitos, alcumados de «arbolitos», repiten mensaxe aos viandantes: «Cambio, cambio». Por se alguén aínda non comprendeu a oferta, van máis lonxe, precisan: «Dólar, euro, real». Hai numerosos cambiadores a falar portugués, que axiña enganchan brasileiros dispostos a compraren nas tendas chic do París do Prata.

O dramático da Arxentina é que ao tempo funcionen bancos, casas de cambio, «cuevas» con vixiante á porta e uns «arbolitos» como mostra de «flora» humana, desde a rapaza sexy ao vello disfrazado de fan de club de fútbol; e que convivan varios tipos de cambio, desde o oficial, mínimo (hoxe un euro a 10,3 pesos), ao «arbóreo», máximo (un euro a 14,7 pesos).

O Goberno da señora Fernández convida a investir no país, a traerlle dólares, pesos e reais; mais ¿a que valor? Porque do ficticio ao real, o investidor pode perder no troco un 40 %. En fin: a chuvia limpou as beirarrúas sempre sucias da grande capital mais seica non refresca a mente da dama que, cun nocello roto, se recluíu na Quinta de Olivos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 30/12/2014]

Share