Saudade de Andrés do Barro

Se o Andrés me puidese escoitar, diríalle que logo de vinte e cinco anos a súa arte está viva, vital: hai meses unha neta música díxome que estaba a ensaiar Teño saudade «por fóra do conservatorio». Dúas xeracións atrás da nosa, as súas cancións galegas pertencen ao pobo. O tren dobarriano é un himno nacional. As cantigas do Andrés son de todos, mesmo que el (coma o Vicente Araguas) fose da burguesía militar de dentro de portas nun Ferrol que se erguía polas mañás cos gritos agudos de «¿Quen quere leite?» e «¡Peóns pr?os ghatos!». O galego penetraba na cidadela desde fóra de portas ou viña «da outra banda» (Xoán Rubia xa o traía de Mugardos). Por osmose foinos penetrando.

Non lembro se coñecín o Andrés en San Martiño do Porto, onde eu exercía de acólito, ou xa na praza de España ferrolá, cando os Lapique do Barro e os Araguas Álvarez viñeron vivir na casa da Mariña (en 1958 segundo o memorioso Vicente). E sempre fomos amigos: se eu sabía a misa en latín, el non fixo nada notorio ata que alguén lle ensinou a tocar a guitarra. Daquela seguimos sendo compañeiros de praia e praza, malia que o Andresiño nos mirase aos demais con algo de pena pois o noso era competir no físico, con violencia, en canto el encantaba cativas.

Pena non poderlle comunicar que o Antón Seoane (ferrolán, fillo dun coronel de Infantería) escolleu Rapaciña e Teño saudade para un disco magno. As mulleres mandaron na vida dese mozo frouxo, de beizo inferior caído. Unha, a criada Cipriana, valeulle para saber que os galegos auténticos non falaban coma os señoritos; outras inspiraríanlle éxitos coma Corpiño xeitoso. Unha parece a causa da súa perdición; outra foi quen o recolleu ao final, cando o Gayoso lle deu a derradeira oportunidade na TVG. Antonio D. Olano -aguda lingua- chegoulle a chamar O Lexionario ao coitado, porque era «o noivo da morte».

E morreu, desfeitiño; e Galicia perdeu un dos mellores artistas da súa historia. Nonito Pereira proclama: «Catro discos de ouro cantando en galego: iso non o fixo ninguén que non cantase en castelán», porque España (Madrid e provincias) é así.

Madrid. Alí nos reencontramos. Leveino a cantar no meu colexio maior; pasou connosco a fin de semana e, cando volvía á rúa áspera, sentenciou: «Os universitarios sodes a única xente que pode usar a cama para pensar». Mais el tamén pensaba: logo do seu primeiro disco houbo conciliábulo e concluíuse que o camiño dos Voces Ceibes non levaba ao principal, a «botar de Galicia ao Manolo Escobar». O Manuel (Marcof) Lasén teimou na viraxe lírica, e non por irmán, fillo e neto de homes con estrelas no uniforme verde.

Tiramos coa metade das letras do Cancioneiro. Mais ninguén se confunda: no Do Barro non influíron uniformes da Garda Civil nin da Mariña. No verán do 68 (na cafetería La Suíza, fronte ao Casino de Ferrol) deixoullo claro ao amigo Araguas; e o Vicente volveu á loita en Santiago cunha mensaxe de concordia entre cantantes. Vistas as fichas que nos fixo a Brigada Social, se cadra as cancións do Andrés eran as que cantaban as fillas dos polis.

Rapazas e mulleres toleaban polo falar mainiño, a timidez, a sinxeleza do artista. Pero é mentira que Pilar Franco (en cuxa papada eu fincaba a bandexa cando o crego lle daba a comuñón) o promocionase. Non, Pilar era unha veciña que louqueou co Andrés; como toda España: velaí O tren que me leva, documental do Anxo Fernández no que falan os grandes críticos do pop; velaí a serie Do Paraninfo ás top lists do Suso Iglesias, no que falamos os involucrados nun movemento que (digan o que digan os sofistas políticos) alguén entorpecería.

O Andrés estaba por cima do franquismo. Foi un facho da burguesía galeguista que soubo vender luz suave e saudosa desde España ao Brasil: as súas composicións estiveron nas bocas de Julio Iglesias e Roberto Carlos. Mais, como explica o Xosé Manuel (Cuqui) Silva, a autodestrución gobernaba no íntimo do Andrés. Por iso é obriga de todos salvarmos o que del ficou: a canción non é arte que sufra co plaxio. Por contra, pode gañar interpretándoa, está feita para imitar… Carísimo Andrés: de aquí a outros vinte e cinco anos, outra xeración a cantarte.

[La Voz de Galicia, 21/12/2014]

Share