A voda de don Gonzalo (A voo de tecla, 11/09/2010)

Está na rúa unha edición de luxo de “La boda de Chon Recalde”, empeño do profesor Ponte Far e da editorial Ézaro. Obra ilustrada e explicada, con todo, non resiste a crítica, nin de quen xa leu moita novela, incluso a triloxía de “Los gozos y las sombras”. ¿Debeu don Gonzalo publicar a historiña do casamento da Recalde? Non é unha ridiculez senil coma o “Caim” de Saramago, mais ten moito da inconsistencia do “Our man in Havana” dese Graham Greene a quen don Gonzalo gustaba de parafrasear (“England me fecit” / “Ferrol me fecit”).
“La boda de Chon Recalde” é un divertimento de ancián contador de historietas, ditado a quen compuxo o texto sen ter en conta o que dicía Blanco Amor: “O autor non se distingue polo número de folios que publicou senón polo dos que tirou á papeleira”.
O relato está ben para quen queira divertirse (aí acertou o Diéguez de Ézaro) cunha Villarreal de la Mar irreal, pois Ferrol non foi como Torrente o describe: as clases da cidade —nunca “pueblo” como lle chaman os personaxes— mantiñan desde tempos da Ilustración unha osmose sutil que el elude na trama. Un matrimonio perfecto podíase dar entre filla de contraalmirante e enxeñeiro naval neto de carboeiro. O que nunca perdoou Ferrol é que un civil levase uniforme (na posguerra, da Falange; despois, do Movimiento). Esa dignidade era exclusiva dos militares…
Ben, como for, mesmo morto baixo unha lousa do cemiterio de Serantes, viva don Gonzalo o da “Saga-Fuga”. Valla todo o que por el se faga no seu centenario.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 11/09/2010]

Share