A morte do «che»

Esta nota non vai tratar nin do Che Guevara nin do «che» coloquial dos nosos parentes arxentinos senón do «che» pronominal galego, mesmo dativo de compañía. Usábase tanto que, cando os galegos imitaban o castelán, armaban frases como «no te sé».

Hai pouco La Voz publicaba a estatística arrepiante sobre o idioma: os nenos «pasan de galego». Parecería, con todo, que os maiores lle seguisen fieis. Mais ¿fieis ao que? Décadas atrás imperaba o castrapo, que mantiña as estruturas básicas do galego aínda que inzándoo de castelanismos léxicos. Agora trunfa o neocastrapo, castelán madrileño traducido.

Quen se atreva a soportar as rexoubas da Radio Galega poderá recibir espléndidas leccións de neocastrapo. Rexoubantes que hai tempo falaban á galega agora exhiben un «teísmo» demostrativo de que o idioma vai á toa. Obsérvase tamén a mesma deriva nos locutores da CRTVG. E proe recibir mensaxes de membros da Real Academia Galega ao xeito de «xa te mandei o artigo».

¿Como se pode evitar a disolución do galego no subdialecto que impoñen os media de Madrid? Deixándose de «bilingüismo harmónico», ensinando «diglosia consciente», lendo moito en galego e limpando a CRTVG de imitadores da «madrileñata» a micro pechado. Se cadra nuns anos se recuperaría un sinal de identidade único no mundo: a forma pronominal «che».

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 09/12/2014]

Share