Querida Radio Galega (A voo de tecla, 22/05/2010)

A Radio Galega débeselle a un construtor de catedrais, Xosé Luís Barreiro Rivas, outrora vicepresidente da Xunta (ao que tamén se lle debe a Televisión de Galicia). “A nosa radio” fíxose hai 25 anos para que todo o país se coñecese e para que nel todo se escoitase unha lingua normalizada, falada diante do micro.
A primeira parte cumpriuse grazas ao xenio tecnolóxico de Fernando Pardo. Tomás Fernández e Pastor Lorenzo son testemuñas de como a idea da rede xurdiu nunha servilleta de papel da cafetería Manhattan da Coruña, para logo pasar a un folio máis serio, “o incunable” sobre o que traballaron Pardo e Antonio Lores.
A técnica funciona (o Xoaquín Alonso mira por ela) pero o do idioma xa é outra cousa. Mentres os locutores da Galega compiten por pronunciaren nomes alleos (Yordi Puyol para Jordi Pujol, Pera por Pere, Carlas por Carles…) rebentan os galegos: seica teñen medo de pronunciaren como Raxoi o que é Rajoy en grafía histórica (xa cansa tanto Rakhoi). Aínda máis, profesionais que falaban correctamente hai vintecinco anos agora amolan co “vamos a facer” por “imos facer”, “estos” por “estes”, “todavía” por “aínda”… A dignidade da lingua na RG ultimamente veu abaixo coa presenza do castrapo lido ante o micro (escóitese, por exemplo, certa bitácora da tarde).
A querida Radio Galega ten moitos fieis, que queren saber do país no seu conxunto. E merece parabéns porque soubo facer Historia; mais non debía ficar durmida nos loureiros pois aínda ten moito que radiar (en bo galego).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 22/05/2010]

Share