A web a bordo

Cando se cumpren 90 anos da radiodifusión en España, xorde dos sete mares do globo un grande lamento, levantado en maioría por almas galegas: cala a voz da RNE no mundo, pechan as instalacións da súa Radio Exterior. Alén de cooperantes, misioneiros ou médicos sen fronteiras, os máis afectados son os mariños, fillos de Breogán moitos deles. Iso fai lembrar a frustrada Radio Exterior de Galicia, servizo de onda curta para emigrantes e navegantes proxectado hai tres décadas, cando non se albiscaba unha interrede global de alta capacidade, nin unha arañeira universal de servidores multimediáticos: a Internet e a web.

Hoxe calquera emisión está presente alá onde houber acceso á Internet, por cabo ou por microondas, o que inclúe os satélites de comunicación. Estes cobren os océanos cos mesmos servizos que temos na casa: telefonía, Skype, correo electrónico, sitios da web, programas de radio e televisión… As emisoras de onda curta de longo alcance dan servizo de canal único a custo de moitos quilowatts e mantemento caro: son parte dun pasado romántico. Mais o lamento dos navegantes pódese converter en gozo co acordo dos armadores e as empresas de telecomunicación, desexosas de venderen capacidade. En relación aos gastos correntes dun barco polos altos mares, «a web a bordo» pouco significa.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 23/11/2014]

Share