Camisas e libros

La Voz ofrece unha lectura dominical imprescindible para entendermos a sociedade civil como un todo: as vidas das empresas galegas, por Fernando Salgado. Non hai moito, o autor contou a dun grupo téxtil camiseiro cuxa desfeita seica se debeu á falta de visión de quen o gobernaba: non deu imaxinado que nunca se deixaría de vestir o conxunto camisa-gravata, mais que moitos profesionais pasarían a traballar con camisa “sport”. Foi un fallo de medida e proporcións, de cantas camisas “formais” e “informais” producir.

Algo semellante acontece no mundo do libro. Quen viaxa con frecuencia logo ve que no avión, no tren ou no metro nunca falta xente a ler en formato dixital; e cos lectores pode pasar como cos usuarios de camisas: sempre haberá clientes de camisa e gravata a cotío, outros ocasionais e un resto anti-gravata. Sempre vai haber lectores en papel, e vanse desenvolver tres universos de afeccionados á Literatura: o dos que rexeiten o formato electrónico, o dos que se vallan do que conseguiren para ler o texto do seu interese e os dos anti-papel, que lean en papel só á forza. Así, as editoriais seguirán o camiño que lles marcan as fábricas de camisas, se non souberen servir todos os formatos a prezos axeitados para cada un deles (ollo: os dixitais moi baratos, para evitar tentacións).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 22/10/2014, e no blogue de Galaxia, 28/10/2014]

Share