Falar bilingüiño (A voo de tecla, 15/02/2009)

Cando se popularizou “o Impaís”, sinónimo de país incapaz de se defender a si propio (lémbrense as bandas do Xaquín Marín en La Voz de Galicia), o dedo da Historia apuntou aos tempos en que O Facho preparaba “O Galego Hoxe” para La Voz; e, concretamente, a Manuel Caamaño e Xosé María Monterroso, loitadores pola defensa e a proxección universal do idioma.
Agora aparece outro termo fillo do humor que os galegos levan nos seus xenes: “o biligüiño”, fala de base castelá á que se lle engaden “inocentes giros regionales”. Nela vale dicir, por exemplo: “Calla, neniño que abuela te coge a coliño”, ou “No doy hecho pero el jefe no me riñe porque es superriquiño”…
Alfredo Ferreiro –o poeta que no mundo máis sabe da prosa de fabricar aceiro– é inventor do termo, que impulsa a se preguntar en público a onde queren levar o galego os de Galicia Bilingüe e a súa escudeira Díez. De seguiren as cousas como as puxera o bilingüismo harmónico fraguista, o galego será sempre materia inútil. Rapaces incapaces de negaren a súa galeguidade, marcada a lume nos apelidos, seguirán a desprezar dez séculos de cultura. Mesmo seguirán a se preguntar que teñen que ver Brasil e Mozambique con Galicia.
A pregunta fundamental aos consentidores do bilingüiño é: ¿Queren aquí bilingüismo agónico ou diglosia consciente, áxil? ¿Desexan que se falen castelán e galego debidamente respectados, ou bilingüiño e castrapo? A resposta da vasca de apelido “maketo” non presta: o éuscaro é só unha –respectable– lingua confinada.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 15/02/2009]

Share