A China na África

Cea en Bruxelas. Maioría de funcionarios da Comisión, executores de políticas de financiamento da Ciencia; varios, bos coñecedores da África e da China. Logo dunha rexouba inicial sobre Escocia e Cataluña, o País Vasco e Flandres, alguén advirte de que os horrores da UE non han vir por pequenos territorios de xente ben mantida. O temible é África, coa longa sombra chinesa por tras. Italia non soporta a invasión pois Libia non existe como Estado. A xente foxe da África porque non hai parte do continente onde as condicións de vida se aproximen ás da Europa máis atrasada. E velaí o ébola, sen solución, avanzando cara a nós. A UE é doadora de axuda aos países africanos en desenvolvemento, e só tira en troques un descargo de mala conciencia colonial. No entanto, a China vai asinando compromisos e comprando propiedades que converten a África nun territorio colonizado sen necesidade de exércitos. Cunha política explotadora, os chineses empurran os africanos cara a soños europeos que valados e pateras converten en pesadelos.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 26/09/2014]

Share