Alemaña sempre gaña (A voo de tecla, 10/07/2008)

Fíxose noite. Luces lentas percorren o estreito que separa Corfú de Albania. As cigarras cantan; mais sobre o seu estrondo logo se impón unha conversa televisiva en alemán: a xente pasma fronte a unha grande pantalla instalada no xardín do hotel.
Silencio, ou comentarios polo baixo, en alemán, ruso e romanés. Non se escoitan linguas ibéricas. De súbito, un gol; e algúns aplausos. Vense brevemente dona Sofía de Grecia, don Juan Carlos de Borbón, a Merkel e o Rodríguez Zapatero.
Pasan cuartos de hora no xogo infantil de dar batidas a unha bola de coiro e xorden gritos suaves cada vez que esa bola se achega á meta alemá. Os alemáns beben en ordenado murmurio. A luz da pantalla déixalles ver trazos de preocupación nas caras. Os eslavos parecen divertidos, como a gozaren que os xermanos se amolen.
E chega a loucura final, incluíndo bicos de raíña a rostro sourento de futbolista. España triunfou. A televisión alemá volve a comentarios tan desapaixonados coma os dos convivas do xardín do hotel. Na TVE todo é gloria, delirio nacional.
Apáganse xa o proxector e os altofalantes. Resoan as cigarras, os barcos seguen a pasar o estreito… Nada mudou. Nada, porque Alemaña sempre gaña: leva tres séculos a inventar, a producir patentes das que depende o mundo. Abonda con revisar hoxe as participacións en proxectos de investigación da Comisión Europea (e mesmo ver que nos grupos triunfadores alemáns aparecen nomes españois: Alemaña gaña por cerebros, ata con cerebros importados do seu vencedor).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/07/2008]

Share