Apelidos arxentinos

Xuntanza na presidencia do Centro Galicia de Buenos Aires. O presidente, Agustín Diz, contabiliza galegos e descendentes deles que enchen as listaxes das institucións patrias na Arxentina; mais tamén define a «enorme caldeira da galeguidade» que ferve na soterra da República austral. Eses inmigrantes, ou fillos e netos deles, vibran coa herdanza «racial» malia non participaren nas accións da colectividade dos «gayegos de veras».

Estando presente na xuntanza don Manuel Peleteiro, patrucio indiscutible da galeguidade activa de Buenos Aires, logo xorde un comentario: malo ha de ser que alguén con apelido acabado en «eiro» ou en «iño» non se decate da súa relación con Galicia. Mais xa Diz ou Lores son difíciles de identificar como galegos. E velaí as anécdotas: hai arxentinos a pensar que Pombo ou Pais son só portugueses; hai quen pronuncia «Nelle» como «Nel-le» coidando que é italiano; quen acredita que Lobato é italiano mal escrito, ou que Nantes é francés…

Unha proposta para aproveitar as enerxías da caldeira soterrada da que fala Diz sería difundir os traballos de Monterroso Devesa sobre os apelidos galegos na Iberoamérica: se a xente soubese cales e cantos son, e que próceres os levaron, logo había rematar a parvada dos chistes de galegos (os mesmos que os de polacos nos Estados Unidos).

[La Voz de Galicia, 26/08/2014]

Share