Cataluña, Quebec e Flandres (A voo de tecla, 04/03/2008)

Nun debate para esquecer sen pena, o señor Rajoy (que se debe pronunciar Raxoi) dixo algo precipitado en col dun industrial que en Cataluña fora multado por anunciar o seu negocio en castelán, chegando mesmo a proferir frases como que tal xeito de represión non se produce en ningún lugar do mundo.
Parecería logo que nin don Mariano nin os seus asesores tivesen visto moito mundo (nin escoitado aquel dito do castelán clásico que reza “andar caminos y conocer gentes hace a los hombres discretos”). Certamente, hai zonas con tensión lingüística onde as restricións atinxen superior nivel. Por exemplo, hai xa ben anos que no Quebec se prohibiu facer anuncios públicos no idioma asoballador do sistema diglósico, o inglés polo que tanto teima el.
Aínda máis, falando de imposicións –e para que se vexan as diferenzas–, actualmente os membros da “communauté française” da Bélxica quéixanse da “immersion sauvage” a que son sometidos en Flandres os nenos de fala materna non neerlandesa. E por se iso fose pouco, alá a esixencia chega máis lonxe: para que unha familia teña dereito a subsidio de vivenda, cómpre aos pais mostraren certificado de iniciación ao neerlandés; e mais certificado de os fillos estaren escolarizados na lingua dos Países Baixos.
Todo iso fica ben distante da realidade lingüística catalá; e a distancias siderais da galega, na que triunfou o bilingüismo agónico imposto polo partido do pontevedrés (a quen persegue a galeguidade dun belo apelido que el estraga con pronuncia allea).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 04/03/2008]

Share