Castelao segundo Chiessino

Hai vinte e cinco anos, Avellaneda era unha «cidade galega» do Río da Prata. Daquela, cando os centros galegos sabían que por alá andaba un escritor do Impaís, logo armaban sesión literaria seguida de cea. Nunha desas ocasións, ao escritor sentárono á mesa xunto dun señor ben parecido que falaba crioulo sen o defecto dos italianos -incapaces de pronunciaren o iota castelán- malia se presentar como inmigrante, non fillo de «tanos». Chamábase Bartolomé Chiessino, era membro do Club Republicano Español e antiperonista, polo cal andara «en cana» (na cadea). Axiña preguntou por Alberti, «gran amigo» seu, como o fora Neruda, e -por carta- García Lorca.

Don Bartolomé viña sendo o responsable de compor e imprimir Sempre en Galiza. Tras duns grolos de Malbec mendocino, deu informe de Castelao: «Foi o cliente máis coidadoso do obradoiro Chiessino, que imprimía para a editorial Losada. Era republicano ata a medula, antiborbónico, moi fumador, un xenio do deseño, partidario da unión ibérica. Non perdía ocasión para dicir que o galego non era un dialecto senón un idioma, irmán do portugués…»

Por veces, cando se pronuncia en van o nome dun persoeiro, convén publicar vivencias. Vaia este testemuño vivencial para engadir aos metadatos de Sempre en Galiza que hoxe se están a publicar na web.

[La Voz de Galicia, 12/08/2014]

Share