Le patois galicien (A voo de tecla, 07/08/2007)

Unha revista francesa de viaxes di que “le patois galicien ressemble énormément au portugais”. Un escritor arxentino de visita na terra dos seus ancestros asegura que “el gallego es castellano mechado de palabras portuguesas”. Unha filóloga romanesa en curso de verán polo Impaís pregúntase por que -desde os coñecementos de castelán que trouxo da Romenia- entende mellor a uns galegofalantes que a outros. Un enxeñeiro de Braga insiste en que cando escoita galego ben falado, con vocabulario e pronuncia propios, mesmo lle parece oír portugués…
O problema principal do galego é que non existe como o idioma unificado dunha masa social con tamaño dabondo para realimentalo e crear norma de fala. Malia estar claramente codificado e disposto ao uso xeral, só o usa segundo o código un grupo culto, menor, sen forza fronte á maioría, que o estraga de diferentes maneiras: cadaquén ten o seu “patois” privado, unha forma de castrapo máis ou menos achegada ao castelán.
Fronte a tal fenómeno de anarquía só queda a disciplina coa que todas as linguas se fixan e se agrandan no común: o seu estudo. Isto parece obviedade inimiga do “bilingüismo harmónico” (ou, mellor dito, “agónico”) das últimas décadas. Mais, logo de sinaturas de pais e declaracións de defensores do pobo e outras señorías contra supostas imposicións, cómpre preguntarse se alguén quere que haxa “bilingüismo correcto”: con dúas linguas correctas, estudadas, deixando a cadaquén escoller a primeira para os seus sentires e pensares.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 07/08/2007]

Share