Democracia electrónica (A voo de tecla, 16/05/2007)

O 17 de maio é o Día Mundial das Telecomunicacións, que vai sendo tamén da Sociedade da Información, ou do Coñecemento, e debería ser da Sabedoría conseguida con medios de comunicación baseados na Electrónica.
Como é costume, o Colexio de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia concedeulle este ano unha xornada a celebrar o que lle compete. Xuntou logo tecnólogos e humanistas e abriu un debate do que fixo eco La Voz: “Galicia versus Irlanda” sobre as bases da sociedade da información.
Houbo acordos e desacordos, e unha morea de comentarios. Mais algo ficou claro: sen elementos para telecomunicar, hoxe non hai sociedade perfeccionable. As infraestruturas de telecomunicación son vitais. A aposta irlandesa foi pola fibra óptica e as microondas fronte ao cemento e o asfalto. O resultado é que o ingreso medio dun irlandés é o dobre có dun galego.
Pero hai máis. O asunto non remata na riqueza material, na dispoñibilidade para o gasto. A bonanza social que se basea nos sistemas de comunicar a distancia, e con eficacia, nos nosos días toca no máis íntimo do ser social, a igualdade de todos os membros da sociedade.
Días atrás celebrábase en Maputo, capital de Mozambique, a conferencia anual de cooperación entre a Unión Europea e os países africanos en materia de tecnoloxías de Información e a Comunicación. Nun país aínda a curar feridas de guerra, nun continente con desigualdades atroces, insistiuse moito nun termo que os anglosaxóns construíron ao seu xeito prático, “e-democracy”: a democracia electrónica, idea que leva á aplicación da telemática para romper barreiras e borrar diferenzas.
Na África preocupada polo primordial, a loita contra a fame e as doenzas, falar de democracia electrónica soa a soño para fuxir da realidade; mais na Europa ben mantida e coidada en termos de saúde física, é doado pensar en esforzos que conduzan a un paso máis cara á sociedade perfecta.
Os sistemas para a democracia electrónica permiten ao usuario privado a interactividade coas estruturas do poder. Con eles adquire todo tipo de datos xerados pola administración, que lle facilitan formar concepto sobre como está sendo gobernado. Ao tempo, facilítanlle xulgar e opinar, e facer chegar xuízos e opinións aos administradores públicos. En último termo, os sistemas identifican de xeito inequívoco o cidadán e concédenlle o seu máximo dereito: o do voto electrónico.
O grande reto social dos próximos 17 de maio está niso, na democracia electrónica que se poida exercer todos os días do ano. Pois a telemática actual ofrécenos vivirmos nun parlamento virtual e sempre aberto: a revolución pendente no século XXI.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 16/05/2007]

Share