Experimento en Foz (A voo de tecla, 25/03/2007)

Na cátedra de Lingua e Literatura Galegas do instituto de Foz fíxose un experimento: vía telemática, o catedrático recibiu uns capítulos de novela en produción –non rematada– e repartiu o material entre os alumnos. Propúxolles o libre exercicio de leren e suxeriren correccións e recibiu ampla resposta: máis de corenta críticas.
Delas despréndense que á volta dos dezaoito anos os mociños son capaces se formaren criterio e de o expresaren (no caso de Foz, en correcto galego). Que, desde unha mostra de lectores con educacións moi semellantes, as respostas son desparellas: uns gustan da substancia e outros rexéitana, uns entenden ben o texto e outros confesan ter relido partes para poder entendelo. Que hai lectores dispostos a descubriren na obra intencións das que o autor non foi consciente. Que a obra ten erros corrixibles cando unha alta porcentaxe dos lectores coincide en criticalos…
O experimento de Foz leva a pensar nunha prática beneficiosa para calquera obra literaria: a de aumentar o número de lectores críticos de borrador con axuda da arañeira electrónica. Antes de dar ao prelo un texto, este pode ser posto en servidor da rede con chave de acceso. Mándase a chave á mostra de revisores e recóllense as súas suxestións.
En Foz, se cadra, iniciouse un proceso ecolóxico: o de recoller datos para mellorar o publicable. Dicía Blanco-Amor que un autor non se distingue polo número de follas que publicou senón polo das que tirou á papeleira. Hoxe o proceso non precisa de papel.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 25/03/2007]

Share