Avións e incendios (A voo de tecla, 10/02/2007)

A proximidade da primavera levanta alarmas cara ao verán e o perigo dos lumes, e xa se imaxinan métodos de vixilancia dos montes, e de reacción fronte aos desastres incendiarios. Fálase de satélites espías, de aeróstatos con cámaras de raios infravermellos e mesmo de “abellóns”, eses avións non tripulados que o Ministerio da Defensa adquiriu para axexar nas fronteiras.
Se cadra, os aparellos mencionados en último lugar sexan os máis acaídos á protección da maior masa forestal da Península, a galega, potencialmente a metade da española. Os avións espías non son propiedade de ningunha axencia secreta americana, como os satélites, nin teñen un manexo tan complicado coma o dos dirixibles.
Non se sabe –publicamente– se o Ministerio vai ceder as súas máquinas para a observación de bosques en tempos de rigor. Nada se coñece –en público– sobre a existencia da lóxica necesaria (“software”) para o acoplamento dos “abellóns” fungadores do Ministerio ao servizo contraincendios da Xunta.
No entanto, mentres os meses corren cara á calor, vaise sabendo que en España se constrúen avións teledirixidos por prezos que nada significan fronte ao dano aos montes (¿que son menos de 100.000 euros por máquina?). E é vello que os ordenadores son capaces de aprender dos humanos os comportamentos necesarios fronte aos eventos, esperados ou estraños.
O resto será querer, tentar sorte con experimentos que sumen aviónica e telemática en proxectos comúns, en produtos propios dunha “rexión experta”: Galicia.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 10/02/2007]

Share