Un longo camiño (A voo de tecla, 06/02/2007)

O masacre cotián de Bagdad levanta protestas contra a intransixencia relixiosa: esa barbaridade baséase nas diferenzas entre xiís e sunís, irmáns de relixión. Velaí o escándalo.
Mais ás veces cómpre ollar para o embigo, revisar a Historia próxima e, logo diso, xulgar comportamentos alleos…
Segundo contan os sobreviventes á regra nacional-católica, e segundo escribe o profesor Máximo García Ruiz en “La libertad religiosa en España, un largo camino”, a presión internacional obrigou o franquismo a aliviar o castigo continuo aos protestantes españois. O réxime, véndose entre a espada e a parede, cedeulle o asunto ao ministro de Exteriores, como se afectase só aos estranxeiros que en España facían prácticas impropias da “Religión Única y Verdadera”.
O camiño foi longo e cheo de aventuras, desde un humilde estatuto especial para protestantes a unha Lei de Liberdade Relixiosa que pasaría trámites nas Cortes en 1967.
De nada valeu o ecumenismo do Concilio Vaticano II. Os vencedores da “Cruzada” non podían deixar respirar os disidentes, e os recortes da lei, xa tímida, farían seguir na clandestinidade moitos partidarios da Reforma afogada pola hispánica Contrarreforma.
Os procuradores franquistas non se coutaron no falar. Con dúas frases –entre moitas das súas señorías ao respecto– logo se percibe o ambiente daquela: “El protestantismo es siempre funesto y se llega a la conclusión de que los protestantes, o son masones o son rojos”… “Si fuera necesaria la Inquisición, será restituida”.

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 06/02/2007]

Share