Ondas que matan (A voo de tecla, 27/01/2007)

Como se fose monstro habitante no fondo dun lago, por veces xorde a cuestión das ondas radioeléctricas que seica enferman e matan xente. Nunha escura oposición ao progreso das telecomunicacións que supoñen os sistemas de terminais móbiles, érguense voces a denunciar efectos letais das estacións base de radio deses dispositivos…
Agora que os responsables da Educación se preocupan tanto pola aprendizaxe do inglés, sería bo lembrarlles que nunha sociedade tecnificada mal se anda sen coñecementos de Física e Matemáticas.
Por falta deles é que se producen as protestas contra antenas radiantes que non poden producir efectos perniciosos nin pola potencia nin pola lonxitude de onda do sinal que emiten. Pero, ¿quen sabe o que é un watio? ¿Quen coñece a fórmula que relaciona a velocidade de propagación das ondas electromagnéticas coa súa frecuencia e a súa lonxitude? ¿A quen lle explican que esas ondas só afectan as estruturas celulares cando a súa lonxitude é comparativa co tamaño das células?
E velaí que, aplicada esa fórmula, as lonxitudes de onda dos sistemas móbiles resultan da orde dos metros, infinitamente maiores cós tamaños das células. Por tanto, a enerxía que transmiten só serviría para quentar a quen a recibe, se os emisores tivesen potencia dabondo. Mais nin para quentar valen pois emiten con potencias moi inferiores ás dos fornos de microondas, que todo o mundo ten na casa e usa sen receos…
En fin: máis cultura científica en lingua do país (ou, se cadra, en inglés).

[La Voz de Galicia, A voo de tecla, 27/01/2007]

Share